A Xunta condecora a Los Suaves cunha Medalla de Galicia

Gallego Jorreto, Basilio Losada e Francisco Leiro tamén levaron cadansúa condecoración

O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, anunciaba esta mañá que o Consello da Xunta que se celebrou hoxe, 14 de xullo, acordou concederlle a Medalla de Galicia, máxima distinción de honra que concede o goberno autonómico, ao grupo de rock Los Suaves. Canda aos ourensáns, que anunciaron a súa intención de fechar este ano a súa longa carreira musical, foron galardoados con cadansúa condecoración o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o investigador e catedrático de Filoloxía Románica e Galego-Portuguesa Basilio Losada e mais o escultor Francisco Leiro.

A Medallas de Galicia predenten recoñecer "a persoas ou institucións que polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica, sexan dignas de obter o recoñecemento do pobo galego". Esta é a ocasión no que estes recoñecementos teñen un perfil máis cultural dos últimos anos. As condecoracións entregaranse nun acto público o vindeiro 24 de xullo.